Grazas, compañeiro

publicado o 10 Febreiro de 2010 ás 18:13 por Modesto Fraga.

[ Imprimir :: Enviar a un amigo ]

xon_silva_pazos

Quero agradecerlle a Xoán Silva Pazos, ese remuíño de luz, esa atalaia incansábel e voraz da nosa historiografía fisterrá, as súas palabras tan cálidas coma inmerecidas a respecto da miña obra poética e, por extensión, da de todos/as aqueles que, desde a palabra, desde o compromiso e desde a liberdade contribuíron (e contribúen) a facer máis digna a nosa identidade.

E é que Xoán, destacado estudante de 2º ciclo de Filoloxía Hispánica e activo dinamizador das novas fornadas culturais da nosa bisbarra (sen ir máis lonxe, recentemente, como xa anunciamos no seu día, impartiu xunto a Iván Fraga unha interesante palestra sobre o mundo dos blogues e a súa significación) é, sen dúbida, un atento lector e un magnífico observador da nosa realidade socio-cultural. Proba delo son as súas interesantísimas investigacións encol dalgúns dos aspectos máis sobranceiros da historia do noso confín atlántico e que podemos rescatar, con frecuencia, nesa colosal fiestra aberta que é Promontorium Nerium.

Asemade, Xoán posúe a difícil virtude de ser un fino articulista, algo que con só facer un clik e entrar no portal Que pasa na Costa podemos constatar de inmediato nesa atractiva sección titulada "Cando ronca o vendaval", adicada á creación literaria na Costa da Morte.

Nesta ocasión tivo a ben reparar en min, cousa que, como é lóxico, lle agradezo enormemente. Porén, supoño que os meus detratores pensarán, con excelente criterio, que estas palabras súas que eu recollo aquí non son máis ca unha mostra de autobombo, de pretenciosidade e orgullo, que contraveñen o que, etimoloxicamente, o meu nome semella indicar. Pero, a dicir verdade, a todos/as nos gusta, de vez en cando, recibir unha unha palabra fresca, unha palabra pura, unha calurosa aperta chea de verdade e sentimento.

ARTIGO DE XOÁN SILVA PAZOS EN QPNC.


Hai 3 Comentarios sobre este texto:

  1. Trebom di:

    Xa che vamos a chamar loreal, porque tu lo vales...
    Unha aperta irmán, que xa fai que non te vexo...

  2. Xusto Fisterra di:

    Xa vai sendo hora de que reconozca o traballo dun gran Fisterran que se afana en mostrar a historia do noso pobo pola rede, e un traballo elaborado e con sentimento,graciñas Xoán

  3. Xoán S. Pazos di:

    Grazas a ti, prezado amigo, por regalarnos de cotío eses versos de salitre, tan cheos de sinceridade, tan vivos e tan fisterráns. Non é ningún favor nin ningunha cousa extraordinaria, pois non se pode falar da literatura costeira sen pasar pola túa obra, especialmente por ese gran clásico que é Mar de Ausencias. O importante é que todo o mundo coñeza esa obra, sobre todo a magnífica reedición, que xa sabes que é a obra que máis me gusta entre a túa bibliografía.
    E xa que nomeas aos teus detractores, xa sabes que dicía Wilde que o importante é que falen de un, aínda que sexa mal; e cando un ten tan feros inimigos ideolóxicos (sobre todo ESES inimigos ideolóxicos) a cousa sen dúbida é positiva. E, sen dúbida, só os teus detractores ideolóxicos poderían acusarche de soberbia ou autobombo.
    En fin, que moitas grazas polas túas sinceras verbas. Esperamos canto antes novos versos teus... ¡¡QUE XA VAI SENDO HORA!! jajaja. é broma, que xa sei que non se pode presionar ás musas. Sen máis, unha aperta forte e un saudo dende Compostela!

:

:
:

« Anterior Post
Seguinte Post »