Exilio e literatura (3)

publicado o 21 Decembro de 2009 ás 09:48 por Modesto Fraga.

[ Imprimir :: Enviar a un amigo ]

miguelhernandez_e_josefina_na_sa_casa_do_alacantino_barrio_de_benala

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 [Miguel Hernández e Josefina, na súa casa do barrio alacantino de Benalúa]

Falabamos ao comezo desta serie da dolorosa figura de Miguel Hernández como vítima silenciosa -e silenciada- dun dos períodos máis sórdidos e crueis da historia recente de España: a guerra civil. Á diferenza doutros autores coetáneos seus (Federico García Lorca, Rafael Alberti, Dámaso Alonso, Gerardo Diego, Cernuda, Rosales, Guillén...) o poeta oriolano a penas gozou do recoñecemento e do respecto que a súa obra, sen dúbida, merece. A súa formación autodidacta (era, como sabemos, pastor de cabras) e o seu leal compromiso coa causa republicana, foron acaso dúas febles bandeiras que o situaron nas beiras da periferia, lonxe, moi lonxe do núcleo dominante dos que "rentabilizaron" a derrota desde a "vitoria" do exilio. Os que se foron (e ficaron, de vez, como grandes abandeirados da causa mártir do desterro) recibiron o seu premio como recoñecemento á súa valorosa defensa polas liberdades; os que se quedaron no frente de batalla defendendo o goberno lexítimo da República, entregando a súa propia vida como fixo Miguel Hernández, recibiron o tributo máis amargo: o ostracismo, o esquecemento, o silencio.

Velaí a importancia de tentar comprender os distintos estados que, con respecto ao exilio, existen na memoria colectiva da condición humana. A poesía, a literatura, a vida ofrecen a miúdo meritorios exemplos de homes e mulleres anónimos que afrontan o seu destino de forma singular. O caso de Miguel Hernández é un deles. O seu exilio foi, ante todo, unha catarse íntima, un longo desespero, un raio que xamais deixou de cesar. A súa patria, o seu país, o seu pobo estiveron sempre nos seus adentros. E os seus versos, a autenticidade da súa voz sempre inocente, delatan o exilio interior que o atormentaba:  

"Umbrío por la pena, casi bruno,

porque la pena tizna cuando estalla,

donde yo no me hallo no se halla

hombre más apenado que ninguno.

 

Sobre la pena duermo solo y uno,

pena es mi paz y pena mi batalla,

perro que ni me deja ni se calla,

siempre a su dueño fiel, pero importuno.

 

Cardos y penas llevo por corona,

cardos y penas siembran sus leopardos

y no me dejan bueno hueso alguno.

 

No podrá con la pena mi persona

rodeada de penas y de cardos:

¡cuánto penar para morirse uno!"

 

El rayo que no cesa (1936)

Como se pode apreciar neste emotivo soneto a pena hernandiana penetra nas nosas consciencias coma unha luz sutil, reveladora. Qué maior exilio pode haber, entón, que aquel que habita no interior do ser humano, no individuo común que todos somos. Reparemos, senón, no terceiro verso do primeiro cuarteto: "donde yo no me hallo no se halla" e fixémonos agora no posterior encabalgamento a modo de tensión máxima: "hombre más apenado que ninguno".

Efectivamente, o exilio interior de Miguel Hernández vai moito máis alá de fronteiras xeográficas, de espazos e tempos, de ideloxías e dogmas. Neste sentido podemos estabelecer unha relación baseada na memoria e no olvido que tamén viamos na novela de D. Ugrešiæ. Ao mesmo tempo, o que para Tanja (ou, mellor aínda, para a narradora omnisciente que é quen en última instancia participa de forma directa do amargor do exilio) é a única vitoria, referíndose á partida do lugar de orixe, para o poeta non deixa de ser unha anécdota intranscendente. A profesora do relato de Ugrešiæ interpreta, ademais, o regreso ao seu país natal como a constatación da morte, a desaprobación, o desprezo, as miradas hostís; algo que, por outra banda, non sería arriscado emparentar co sentimento de marxinación, de desprezo e de abandono que, unha vez máis, atopamos na incomprendida voz do poeta de Viento del pueblo. Os dous primeiros versos da segunda estrofa do poema "Umbrío por la pena" son unha boa proba do que dicimos:

"Sobre la pena duermo solo y uno,

pena es mi paz y pena mi batalla (...)"

Eis a pena inmensa que atormenta e desgarra ao noso poeta. Unha pena que, de novo, ecoa con máis forza ca nunca no último e impoñente terceto final. Uns versos insuperábeis, contundentes:

"No podrá con la pena mi persona

rodeada de penas y de cardos:

¡cuánto penar para morirse uno!"

Velaí a constatación dun intre concreto de exilio interior, un sentimento íntimo, se callar o máis humano de todos. O lamento profundo e desesperado co que Miguel Hernández pecha este magnífico poema non deixa lugar a dúbidas. As interpretacións, en todo caso, son subxectivas e cada quen, na súa propia e singular lectura, debe extraer as conclusións oportunas. O importante, digo eu, é sentir de verdade, vivir, amar no coñecemento.

 


Hai 2 Comentarios sobre este texto:

  1. Manuel L. Rodrigues di:

    lembro que, anos atrás, emocionábame lendo a "Canción del esposo soldado"...

    Nacerá nuestro hijo con el puño levantado...

    ...vaites; e non deixaba de ser un poema de amor marabilloso!!

    Fondas apertas, Modesto; que teñas un bo Nadal!!

  2. lJggGgzqudT di:

    F9n7Po <a href="http://smmlkqtgelrz.com/">smmlkqtgelrz</a>, [url=http://ppchuwqzezpt.com/]ppchuwqzezpt[/url], [link=http://vjxqwusxgddj.com/]vjxqwusxgddj[/link], http://vhdkeeufzchy.com/

:

:
:

« Anterior Post
Seguinte Post »