publicado o 24 Febreiro de 2010 ás 15:54 por Modesto Fraga.
A noxenta prea de UPyD, Rosita Díez, volve de novo ás andadas e faino coa súa habitual restra de estupideces e palabrería barata para descalificar e provocar, de forma velada, a identidade do noso país.
Nunha entrevista dirixida por Iñaki Gabilondo, que vén de ser emitida por CNN+, a reaccionaria politiquilla cambiachaquetas espallouse así:
Diálogo entre Iñaki Gabilondo e Rosa Díez.
-Gabilondo: Defíname a Zapatero.
-Rosa Díez: Podría ser gallego en el sentido más peyorativo de la palabra (sic)
-Gabilondo: ¿Y Rajoy ?
-Rosa Díez: Es gallego.
En fin, sobran os comentarios. E aínda hai quen lle vota neste sufrido país. Miserable.
publicado o 10 Febreiro de 2010 ás 18:13 por Modesto Fraga.
Quero agradecerlle a Xoán Silva Pazos, ese remuíño de luz, esa atalaia incansábel e voraz da nosa historiografía fisterrá, as súas palabras tan cálidas coma inmerecidas a respecto da miña obra poética e, por extensión, da de todos/as aqueles que, desde a palabra, desde o compromiso e desde a liberdade contribuíron (e contribúen) a facer máis digna a nosa identidade.
E é que Xoán, destacado estudante de 2º ciclo de Filoloxía Hispánica e activo dinamizador das novas fornadas culturais da nosa bisbarra (sen ir máis lonxe, recentemente, como xa anunciamos no seu día, impartiu xunto a Iván Fraga unha interesante palestra sobre o mundo dos blogues e a súa significación) é, sen dúbida, un atento lector e un magnífico observador da nosa realidade socio-cultural. Proba delo son as súas interesantísimas investigacións encol dalgúns dos aspectos máis sobranceiros da historia do noso confín atlántico e que podemos rescatar, con frecuencia, nesa colosal fiestra aberta que é Promontorium Nerium.
Asemade, Xoán posúe a difícil virtude de ser un fino articulista, algo que con só facer un clik e entrar no portal Que pasa na Costa podemos constatar de inmediato nesa atractiva sección titulada "Cando ronca o vendaval", adicada á creación literaria na Costa da Morte.
Nesta ocasión tivo a ben reparar en min, cousa que, como é lóxico, lle agradezo enormemente. Porén, supoño que os meus detratores pensarán, con excelente criterio, que estas palabras súas que eu recollo aquí non son máis ca unha mostra de autobombo, de pretenciosidade e orgullo, que contraveñen o que, etimoloxicamente, o meu nome semella indicar. Pero, a dicir verdade, a todos/as nos gusta, de vez en cando, recibir unha unha palabra fresca, unha palabra pura, unha calurosa aperta chea de verdade e sentimento.